Bibliotecas vivas

Categoría: Opinión

Aínda lembro cando escribín aquel libriño, O libro na escola: as bibliotecas escolares e de aula, editado pola Xunta. Eran tempos difíciles nos que había que achegar os libros ao noso alumnado. Tempos, iso si, que apuntaban á esperanza. Recordo os primeiros pasos dados no noso centro neste sentido: exposicións de libros (prestados por algunha libraría ou certas editoriais), charlas con diapositivas informativas cara aos pais para que coñecesen o que aparecía no mercado, certos títulos que, colocados con ilusión na aula, abraiaban os nenos e nenas polo encanto que tiñan, habitacións que deixaban de ser escuras para converterse en bibliotecas de centro. Eses tempos de esperanza deron paso aos actuais. Moitos mestres e mestras seguiron os ronseis marcados e acadaron resultados satisfactorios. Hoxe hai unha rede bibliotecaria galega que funciona de marabilla. Xúntanse as responsables, lanzan ideas, crean e intercambian proxectos, loitan, en definitiva, a prol da lectura nas escolas. Grazas a estas persoas, sen alardes, cun labor entusiasta e feito con rigor, os centros comezan a sentirse fachendosos das súas bibliotecas, fermosas e cheas de vida. Nelas, a rapazada déixase levar pola maxia do libro e pérdese feliz nos seus recantos. Bibliotecas vivas, con actividades lúdicas e suxestivas arredor da palabra e da imaxe. Bibliotecas que xa non son almacéns de libros. Bibliotecas que acariñan, que amosan a variedade literaria da nosa LIX dun xeito atractivo.Bibliotecas-luz. A todas esas persoas debémoslles gratitude por seguir mantendo aberta a porta da esperanza nuns tempos tan confusos como motivadores para facer dos libros unha razón de ser.

Comparte nas túas redes sociais ou por email