Francisco Castro

Categoría: Recensión

A Semana Santa foi para min Semana de Paixón, mergullado nas páxinas da ‘Antoloxía poética’ que preparou, sobre os versos de Lois Pereiro, Daniel Salgado. Versos que xa coñecía. Que xa lera e discutira e analizara e reflexionara. Mais nunca así, en xeito de peneirada proposta. Que arroxa nova luz. Como se xa fose pouca a luz que, de si mesmos, emanan os seus poemas.

En primeiro lugar temos que celebrar as letras introdutorias do antólogo. Ademais de amosarnos que coñece moi ben a obra do monfortino, o que consegue é deixarnos claro algo que, cando menos este que asina esta Recomendación, lle pide a quen asume o labor de editar unha antoloxía, e é ter un criterio. En primeiro lugar á hora de contextualizar ao poeta. No medio de tantísima publicación na que semella máis importante deterse na biografía pura e dura, como se iso o explicase todo (é importante, mais a poesía ten que ter valor de seu, en especial a medida que vaia pasando o tempo), o estudo preliminar de Salgado é quen de se centrar no obxectivo poético, poñendo a lupa onde cómpre poñela, alumeando os aspectos que puideran ser menos claros, discutindo de poesía, falándonos de poesía e de poética. E, sobre todo, contextualizando a Pereiro na súa época dende o punto de vista creativo, é dicir, amosándonos as diferenzas, notabilísimas, entre o que el andaba a facer e o que o resto dos seus coetáneos escribían. En segundo lugar, agradézolle a Daniel Salgado a coherencia na escolla dos poemas. Eu non tería sido capaz. Eu tería metido todo Pereiro, é dicir, eu tería feito un desastre de antoloxía. O seu mérito é escoller uns poemas que, dende o primeiro e ata o texto que pecha o libro, van dialogando entre si.

Como dialoga Lois Pereiro con nós e para o futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email