O SON DAS ONDAS. O VIGO MEDIEVAL E A LÍRICA TROBADORESCA

Categoría: Nova

O pasado de 13 de maio foi presentada aos medios de comunicación a exposición "O son das ondas. O Vigo medieval e a lírica trobadoresca", que ficou instalada no Museo da Cidade "Quiñones de León", de Vigo, coñecido popularmente como Museo de Castrelos.

A exposición, organizada pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo, foi producida por Editorial Galaxia e Merlín Comunicación e comisariada por Henrique Monteagudo. O deseño estivo a cargo de Xosé Díaz. No acto de presentación interviñeron, en representación do Concello de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, Tenente de Alcalde, e Eudosio Álvarez, concelleiro de Patrimonio, xunto con Henrique Monteagudo.

En sete salas do segundo andar do Pazo de Castrelos, a exposición fai un percorrido histórico, cultural e político no que se desenvolveu a lírica trobadoresca galego-portuguesa, debullando, de xeito didáctico, as características deste fenómeno cultural, un dos máis importantes da cultura europea da Idade Media e salientando o relevante papel que tivo a Terra de Toroño, á que pertencía a Terra de Fragoso, un territorio, este último, que se corresponde en boa medida co actual Concello de Vigo.

A exposición pode ser visitada os martes, mércores, xoves e venres entre as 10 e as 20 horas; os sábados, de 17 a 20 e os domingos e festivos, de 10 a 13,30 horas.

Os visitantes terán oportunidade de coñecer o opulento tempo da nosa Idade Media, uns anos de esplendor da creación literaria en lingua galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email