Unha queixa xeralizada de todos os que interviron foi o fondo descoñecemento que existe da súa figura e da súa obra por parte da opinión pública. Neste senso, actos coma o de onte, coa sala da Casa Galega da Cultura de Vigo totalmente chea, axudarán a divulgar o traballo a prol de Galicia dun home fundamental para entendermos o século XX do noso país.
Convocados pola Fundación Penzol reuníronse onte para falar da súa figura os biógrafos Charo Portela e Xan Carballa (Tucho Calvo non puido finalmente asistir), moderados por Miguel Anxo Seixas. Cada un deles foi sinalando algúns dos logros do personaxe homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. Así, Charo Portela profundou na intensa relación que tivo cos intelectuais galeguistas do momento, como Castelao, Dieste e Seoane. Miguel Anxo Seixas, coordinador do Ano Valentín Paz-Andrade, lembrou que ante todo era un home de fonda palabra e sentido da honra, 'un home de lei'.
Durante a conversa, recordouse que polo seu compromiso con Galicia e a República sufriu varios atentados dos que saíu vivo de milagre, a persecución política e, sobre todo, o seu traballo de 'ponte co exilio', labor tan necesario naqueles tempos escuros do franquismo.
Finalmente, Xan Carballa, que vén de publicar en Galaxia, 'Biografía de Paz-Andrade', fixouse sobre todo na súa vida como xornalista e político. Sobre esta faceta, recordou discursos galeguistas como un pronunciado no Teatro García Barbón con Castelao e Pedrayo no que avogaba por "construír unha nova Galicia (…) para que fose oficialmente o que naturalmente é, para que o pobo galego decida nos seus problemas, que nunca se diga de nós que somos almas rendidas", en clara alusión isto último, segundo Carballa, a unhas declaracións de Ortega e Gasset que vía aos galegos como "almas rendidas". Carballa tamén destacou que Paz-Andrade, a diferenza doutros galeguistas, non tiña prexuízos políticos contra os comunistas na democracia.
En definitiva, unha mesa redonda que serve para actualizar un home que, tamén como empresario (foi un dos fundadores de Pescanova) máis rexamente traballou polo noso país.
Como complemento á mesa redonda, montouse unha pequena mostra bibliográfica e documental cunha selección dos fondos que a Fundación Penzol ten sobre Valentín Paz-Andrade.