Os amigos de Buenos Aires visitan Galaxia

Categoría: Nova

Volven a casa despois de catorce días en Galicia. Catorce días intensos, nos que percorreron o país e visitaron algunhas das institucións máis significativas da nosa cultura: dende a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega á Fundación Rosalía de Castro ou a casa de Ramón Otero Pedrayo en Trasalba, a Insua dos Poetas no Irixo, as murallas de Lugo, os cantóns da Coruña, as prazas de Pontevedra, as pontes de Ourense… Coma noutras ocasións, remataron na sede da Fundación Penzol, en Vigo, e na Editorial Galaxia. Para nós foi un orgullo recibilos: dezaseis alumnos e alumnas e dous profesores. Agás dous deles, ningún estivera nunca en Galicia.
¿O que máis lles gustou? A paisaxe. Tamén a comida. ¡O pulbo do Carballiño sobre todo! O mar de Baiona, as rúas animadas de Vigo, a amabilidade das xentes, a visita a familiares que non coñecían e aos que nunca viran, ¡a muralla de Lugo!, Santiago de Compostela, o casco vello das cidades… ¿O que menos? Non o dixeron. Son así de amables. O próximo curso entran na universidade. Queren facer físicas, económicas, dereito internacional, deseño industrial… ¡E falan un galego con sotaque porteño que soa delicioso!

Comparte nas túas redes sociais ou por email