A Editorial Galaxia anuncia a publicación en galego do Ulises de Joyce

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia vai publicar neste derradeiro trimestre o Ulises de James Joyce. Durante oito anos, un equipo de tradutores composto por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle, traballaron, coordinados por Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, na versión en lingua galega dunha das grandes obras da narrativa contemporánea. Estamos diante dun acontecemento para as nosas letras que implica poñer ao alcance dos lectores e lectoras do noso país, un libro de referencia que xa foi soñado no seu día, na nosa lingua, polos membros da Xeración Nós. Otero Pedrayo publicou en 1926 algúns capítulos en galego na revista Nós.
O lanzamento editorial deste volume, de mil páxinas, quere celebrarse cunha oferta previa para que todos os interesados e interesadas poidan beneficiarse dun importante desconto sobre o prezo nas librerías, que será de 40 euros. Así pois, todas as persoas que queiran acollerse a esta oferta poderán adquirir esta obra, editada en tapa dura dentro da colección "Clásicos Universais" de Galaxia, por só 30 euros, para o que hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: pedidos@editorialgalaxia.com
Unha oportunidade única para adquirir a un prezo económico, un título que non pode faltar nos andeis de todas as casas e que agora podemos ler, por fin, na nosa lingua.

Comparte nas túas redes sociais ou por email