Os libros, Bebedeira, O soño do guieiro, e Galicia infinda, son tres obras fundamentais para coñecer a figura de Florencio Delgado Gurriarán, que reeditou a Editorial Galaxia neste primeiro trimestre.
Onte, Valdeorras acolleu a presentación dos poemarios do protagonista do Día das Letras Galegas. O acto, contou coa participación de Eva Delgado, en representación da familia Delgado, o escritor e historiador Ricardo Gurriarán, o alcalde do Barco de Valedorras, Alfredo García, e a xestora cultural Débora Álvarez Moldes.
O autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, Ricardo Gurriarán, destacou a importancia da reedición de Bebedeira, Galicia Infinda e O soño do guieiro por ser «fundamentais para coñecer a figura e a obra» de Florencio, que xunto con outras publicacións que se están a facer «redondean» a difusión do poeta. Todo achegamento debe pasar por Bebedeira, o seu «bautismo» no libro e a obra que a directora de As Letras de Florencio, Débora Álvarez, sinalou como perfecta para achegarse ao autor.
Ao mesmo tempo, Galaxia publicará o libro Florencio Delgado Gurriarán: vida, obra e antoloxía, de Xesús Alonso Montero que, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez, completan a aproximación á vida e obra do poeta valdeorrés
A reedición dos libros é un dos primeiros actos deste 2022 que estará dedicado a Florencio, sendo a primeira vez que a Real Academia Galega se fixa nun autor do exilio mexicano, un fito sobre o que fixo fincapé Ricardo Gurriarán. Un ano que terá o seu punto máis importante no 17 de maio, unha data na que os actos centrais na súa honra terán como espectadoras en primeira liña ás tres fillas do autor.
Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). Avogado, en 1933 ingresou no Partido Galeguista. Co golpe de Estado de 1936 marchou do Barco e entrou no exercito republicano. Desde Francia colaborou na expatriación dos republicanos exiliados ao tempo que asumía a Secretaría de Propaganda da executiva do Partido Galeguista. En 1939 estableceuse en México. No exilio mantivo activo o seu compromiso político, vinculado a Castelao e ao Consello de Galiza, foi representante de Galicia na delegación de Galeusca en México e un dos fundadores do Padroado da Cultura Galega neste país. En 1981, a Real Academia Galega nomeouno académico correspondente. Colaborou en diferentes revistas, especialmente nas americanas Vieiros e Saudade, e publicou os poemarios Bebedeira (1934), Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949, en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1986), e coordinou, editou e participou en Cancioneiro da loita galega (publicación do Partido Galeguista, 1943), manual poético de resistencia, denuncia e reivindicación.