Timparrantela, finalista nos XXI Premios Opinión da Música de Raíz

Categoría: Nova

A banda Timparrantela é finalista, na categoría de ‘Mellor tema orixinal’, nos XXI Premios Opinión da Música de Raíz, pola canción O Tío do Curruncho, do libro-disco Se te quixen foi polos grelos. Os textos deste disco están cheos de retranca e de empoderamento, de crítica e de amor, de luz e de sombras.
Olga Brañas asina varias pezas do debut discográfico desta formación. Trátase dun tema diferente aos demais no que salienta un concepto imaxinativo e audaz. Enmarcada en “composicións propias”, atópase O Tío do Curruncho, que é unha peza composta pola pianista Brañas e arranxada por Pedro Pascual.
Este disco percorre moitos vieiros, bebendo do tradicional e do folk, pero tamén das charangas e desa música espontánea, que nace do corazón.
Composta por Olga Brañas, Lorena Sotelo, María Blanco, Olalla López, Olalla Rodríguez, Raquel Huete e Marta Figueiredo, Timparrantela, é a suma dos talentos destas sete mulleres. De procedencias moi diversas, estas artistas agarran de clarinete ou de piano e cantan ao mundo como elas o entenden.
Fresca, distinta e atrevida, así é a obra que nace desta sinerxía musical.

Comparte nas túas redes sociais ou por email