¿Onde estaban?

Categoría: Opinión
Detesto o intelectual orgánico. Hai quen pensa que só existen con gobernos de dereita. Equivócanse. Os orgánicos existen en todas partes. Cando gobernan os seus, calan. E cando non gobernan, fieis ao partido e non á propia conciencia, aparecen de novo como defensores das liberdades. Un, cada fin de semana, profería a súa particular homilía. Un día contra Rouco, outro contra Rajoy, pero nunca dixo nada do que estaba sucedendo neste recanto do Noroeste: gobernado por un bipartito que nos partía a alma. O outro escribiu unha oda haxiográfica ao presidente Zapatero, acusaba a “algún medio de comunicación poderoso” e omitía a realidade facendo do silencio o seu aliado. Houbo algún que converteu o cine, a produción televisiva e a pasta pública nun negocio redondo. Tamén realizou algunha película pésima que os seus acólitos aplaudiron decontado. Había algúns, imaxino que con nómina ampla, que facían de altofalantes do sistema. Tamén os que castigaban os discrepantes. Incluso se fixeron antoloxías ou crónicas da realidade literaria galega, pagadas con diñeiro público, máis sectarias que as de Fraga (Feira de Frankfurt 2008, por exemplo). Tamén estaba o necio de turno que, a falta de inspiración máis poderosa, fixo dos ataques reiterados e sen escrúpulos á miña persoa o seu modo de catapultarse á fama (a diminuta fama do sistema literario galego). Agora saíron do seu agocho (os outros, o necio segue instalado na profunda idiocia) e falan de novo en nome das liberdades. Que credibilidade poden ter os que tanto calaron. Os que condenaron en nome da doutrina. Os que non toleran a discrepancia. Os que silenciaron iso que eu chamei “neofraguismo”. Sei que esta columna condéname aínda máis no voso mundo falsario e hipócrita.

Non importa. Cada vez síntome máis só, máis raro… e máis libre.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email