A literatura galega dos últimos tempos parece ter entrado nunha anovadora deriva continental canto ao xenérico e a súa canonicidade dentro do sistema.Tradicionalmente o relato curto e a poesía gozaron dunha posición preeminente entre nós, a carón, xaora, da novela e, en menor medida, o teatro.
Pois ben, nesta singular tectónica de xéneros, dende hai tempo estase a producir na cerna do sistema un reforzarmento da posición central da novela, particularmente da novela longa. Neste sentido, é curioso observar como nos últimos anos veñen publicándose textos que sobordan amplamente o medio milleiro de páxinas, o que talvez se explique tanto pola demanda lectora por parte dun público que solicita historias de amplo alento coas que verse acompañada en longos períodos como, penso eu, por certa obsesión entre os nosos creadores por dar cumprimento a unha meta autoimposta a modo de espectral balea branca: os nosos narradores teiman en escribir a grande novela galega, persuadidos de que o adxectivo neste caso debe entenderse literalmente, o que se cadra non é máis que un espellismo, unha miraxe, pois a extensión non asegura a conveniente intensión que debería presidir ese logro literario.
Da súa parte, outras rexións escriturais que se atopaban moi lonxe do centro da galaxia sistémico-literaria galega teñen ido achegándose a este núcleo nos últimos anos de modo ben notorio. A literatura infantoxuvenil, por exemplo, que sempre gozou do favor do público lector, é cada vez máis e mellor recoñecida dende as instancias mediadoras e canonizadoras, visibilizándose en foros, congresos, simposios, revistas especializadas e prensa xeral, plataformas que fan dela un foco crecente de atención para investigadores, divulgadores e críticos.
Do mesmo xeito, tamén a literatura galega de tradición oral ten alcanzado en tempos recentes un recoñecemento académico e analítico do que escasamente gozou no pasado. Organízanse xornadas sobre
LGTO, edítanse monografías universitarias sobre o tema, ambiciosas compilacións deste tipo de produción, estúdase a súa presenza e revitalización en novas formas de expresión literaria (contacontos, lendística urbana…) e, en fin, tense cara á LGTO unha consideración e interese que non sempre se tivo.Pola súa banda, dentro dos eidos da escrita en prosa tamén gaña terreo a literatura do eu (biografías, autobiografías, diarios, memorias, autorretratos e epistolarios), así como os libros de viaxe ou guías de autor.
E o que é aínda máis interesante, neste rebulir tectónico-xenérico resulta a cada paso máis evidente o solapamento das placas, creando espazos de intersección mestizos nos que van xermolando textos híbridos que ofrecen novos hábitats lectores ata agora pouco ou nada transitados: as crónicas noveladas ou novelas-crónica, a poesía escénica e os cadros dramáticos poetizados, a memorialística en prosa lírica, o ensaio novelado, a aforística poética…
Se a todo isto lle sumamos as novas canles e soportes a través dos que se vehicula a produción literaria de arestora —vías que, en moitos sentidos, configuran e predefinen en boa medida a propia mensaxe—, decatarémonos de ata que punto a ciberliteratura (a escrita participativa, hipertextual, bloguizada…) ou o inducido revival do teatro radiofónico, poño por caso, abren territorios creativos alternativos para as nosas letras.
É imposible determinar dun xeito preciso cal será nun futuro próximo a xeografía literaria galega. Ora ben, o que si é seguro é que exploradores afoutos non nos faltan e que estes andan a nos descubrir ignotos e prometedores continentes para a literatura galega do século XXI.