Escoller onde buscar

Once anos sen Roberto Vidal Bolaño

Categoría: Nova

O tópico fainos pensar que pasado o 17 de maio xa non parece tempo de seguir falando do persoeiro homenaxeado no día grande das nosas letras. Sen embargo, e aínda que decae obxectivamente falando o interese mediático, aínda restan durante o ano unha morea de actos, sobre todo de corte académico, así como novas representacións a cargo das distintas compañías do país, que nos permitirán seguirnos mergullando na obra dun autor do que aínda resta moito que investigar.
Na editorial Galaxia tiramos do prelo este ano, precisamente para nos achegar á súa obra, un texto da autoría de Montse Pena Presas, acompañado dun DVD de Gonzalo Enríquez Veloso e que titulamos 'Un chapeu negro e un nariz de pallaso' e que se convertiu nun dos títulos referenciais deste ano para coñecer, dende múltiples perspectivas, a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño.
Unha boa data, a de hoxe, para lembrar este título que dun xeito ameno, aínda que rigoroso, e multidisciplinar, está a presentar a obra e a vida do dramaturgo a milleiros deses escolares que, precisamente hoxe, inician o seu curso académico.

Comparte nas túas redes sociais ou por email