Olladas arredor da situación

Categoría: Nova

O novo número da revista GRIAL aborda a cuestión da crise, que non é só económica e financiera.

A crise, que (oficialmente) dende o ano 2008 vén conmocionando os mercados, é bastante máis ca unha crise económica e financiera. En moitos aspectos é unha crise moral, política, institucional, psicolóxica, social, cultural, demográfica e tecnolóxica que afecta a prácticamente todos os ámbitos da sociedade e do comportamento dos individuos. Tamén da cidadanía. Dende a cultura, dende a reflexión e o debate, GRIAL non podía ficar á marxe. O número 198 aborda este tema, que consideramos de especial actualidade.
Para iso reunimos un grupo de ensaistas que se complementan entre si. Os profesores Josep Ramoneda, Antonio Torrero Mañas, Antón Costas, Xosé Carlos Arias, José Francisco Teixeira e Ramón Villares conforman este monográfico, coordenado por Xosé Carlos Arias, que titulamos "Cinco ensaios arredor da crise": cinco propostas para a reflexión non só dende o ámbito da economía (que tamén) senón dende a política, a filosofía, a cultura e a memoria histórica. Nada aparece de súpeto. Os feitos sociais teñen raiceiras e precedentes, que cómpre asemade contextualizar.
A este conxunto de ensaios poderiamos engadir o que asina o escritor Luis Paradelo, "Unha deriva fortuita", que incorporamos na sección Espello das Letras, ou reflexións que publicamos en números anteriores de GRIAL coma a de Enrique Saez Ponte, "O naufraxio da banca galega" (GRIAL, 197), achegas plurais formuladas dende diversas perspectivas disciplinares, consonte as carácterística do propio fenómeno que estamos a vivir: un poliedro de mil caras. En palabras do codirector da revista. Víctor F. Freixanes, "a tormenta perfecta, que ameaza con arrastrarnos a un rodopío de derrotismo que, se non nos arrepoñemos, non fai máis que afondar no pozo suicida: a pescada que morde o rabo…".
Como novidade filolóxica, o profesor Henrique Monteagudo, codirector de GRIAL, presenta unha escolma de textos do cancioneiro "En cadea sen prijon", documento datado no século XV e escrito en lingua galega seguramente na corte literaria dos señores de Andrade (Betanzos), a mesma corte literaria onde anos antes se escribiu a "Crónica Troiana". Unha nova descuberta do riquísimo tesouro literario medieval que, neste caso, enriquece e revisa algúns dos parámetros tradicionais da nosa historia literaria.
A maiores, na liña de achegamento ao discurso brasileiro-portugués volve ás nosas páxinas de GRIAL Fernando Venâncio, "Pessoa e a Galiza" e Andrés Torres Queiruga, que neste caso recepciona o libro de Luis G. Soto, "O laberinto da saudade", recensión que é tamén diálogo e ensaio autónomo.
Manuel Marey, doctor enxeñeiro de montes e profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, aborda en Temas do Noso Tempo o vello asunto, sempre de actualidade, aínda máis nestes meses de tórrido verán, "Da cultura agraria á industria do lume". Daniel Soutullo, colaborador habitual nas páxinas de Ciencia e Técnica, trata da "Controversia xenes/ambiente e a Bioloxía Molecular". E José Colmeiro, profesor na School of European Languages & Literatures (Nova Zelandioa), reflexiona sobre a cultura galega na era da globalización no que pretende ser unha ollada distinta, complementaria doutas olladas: "Resituando a cultura galega contemporánea".
Cuestións para debatir, comentar, documentar e compartir, na filosofía de GRIAL (revista galega de cultura), que está a preparar o seu número 200 para finais do presente ano 2013: ¡cincuenta anos acudindo puntualmente á cita cos seus lectores/as e subscritores/as!

Comparte nas túas redes sociais ou por email