Editorial Galaxia vén de recibir o Premio Fernández-Latorre, máximo galardón que outorga anualmente o rotativo La Voz de Galicia, unha distinción que nos honra e que agradecemos.
Somos conscientes de que detrás da concesión do premio, que o xurado acordou por unanimidade, están os 63 anos de historia da editorial, que se fundou o 25 de xullo de 1950 nunha xuntanxa nos baixos do hotel Compostela, en Santiago.
Somos conscientes de que o premio de La Voz se fundamenta esencialmente na significación de máis de seis décadas a prol da lingua e a cultura galega, cun catálogo que as lectoras e lectores poden visitar cumpridamente nas páxinas desta web e que atinxe máis de 800 autores e un catálogo vivo de case 1.500 títulos.
Somos consciente de que nesa historia hai nomes sobranceiros, fundamentais na cultura galega contemporánea, e que eles son unha razón moi principal do recoñecemento.
Asumimos esa historia coma un patrimonio do que nos sentimos orgullosos e mais coma un desafío. Os lectores e as lectoras son a nosa forza e o que nos anima a seguir, igual ca estes recoñecementos, así coma os autores, mediadores culturais, críticos e amigos, colaboradores, profesores, libreiros… Unha editorial non é unha fábrica de libros, é unha factoría de creación e de xestión do coñecemento. Grazas tamén a eles.
Para o 25 de xullo, Día da Patria Galega, estaba prevista a entrega da Medalla de Ouro de Galicia que as autoridades concederon á Fundación Penzol, institución que nace en 1963 no entorno da Editorial Galaxia, igual que a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Isla Couto ou a revista GRIAL, que está a piques de cumprir 50 anos (200 números). Motivos abondo para celebrar unha festa.
Pero ese mesmo día, o país viviu unha das súas máis dolorosas traxedias: na curva da Grandeira, no barrio de Angrois, na entrada de Santiago de Compostela, un tren cargado de viaxeiros descarrilou e vestiu de loito o Día Grande de Galicia, que quería ser tamén un día grande para todos nós. A noticia deu a volta ao mundo. Diante da dor e do sufrimento de tantas persoas e de tantas familias, a nosa celebración é unha insignificancia, case unha impertinencia. Así o sentimos. O noso corazón, a nosa solidariedade está cos homes, nenos e mulleres que quedaron nas vías, ou gravemente feridos no tráxico accidente. Mais non por iso queremos deixar de dar as grazas. Coa nosa máis sentida condolencia aos familiares e amigos das vítimas na catástrofe, que non esqueceremos nunca.