O universo literario de Domingo Villar chega a Disney+ coa serie “Caldas. El último barco”

Categoría: Nova

A adaptación de O último barco, protagonizada por Javier Gutiérrez e Hovik Keuchkerian, estrearase o 2 de decembro e levará á pantalla unha das novelas máis recoñecidas do escritor vigués.

O universo literario de Domingo Villar regresa á actualidade coa estrea de Caldas. El último barco, unha miniserie de seis episodios baseada na novela O último barco, publicada por Editorial Galaxia en 2019.

A produción, que chegará a Disney+ o próximo 2 de decembro, está protagonizada por Javier Gutiérrez, no papel do inspector Leo Caldas, e Hovik Keuchkerian, que interpreta o seu compañeiro Rafael Estévez. A trama parte da desaparición de Mónica Andrade en Vigo, unha investigación que levará os protagonistas a descubrir os segredos que se agochan detrás dunha aparente tranquilidade.

Esta adaptación supón unha nova oportunidade para achegar a obra de Domingo Villar a outros públicos e recuperar un universo literario que conquistou milleiros de lectores dentro e fóra de Galicia.

Nado en Vigo en 1971, Domingo Villar converteuse nun referente da novela negra coa publicación de Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019). Tres novelas nas que o misterio, a paisaxe galega e a personalidade de Leo Caldas construíron un universo narrativo recoñecible e profundamente vinculado a Vigo e á súa ría.

O seu legado literario complétase con títulos como Algúns contos completos, ilustrado por Carlos Baonza, e Síbaris, a obra teatral publicada postumamente en 2023.

A pegada do escritor permanece tamén nas rúas da súa cidade natal. Desde xaneiro de 2025, unha escultura de Pedro Dobao na Alameda de Vigo convida a sentar ao seu carón, nunha homenaxe que mantén viva a súa memoria.

Desde Galaxia, a súa casa editora en Galicia, celebramos que as historias de Domingo continúen atopando novos camiños para chegar ao público.

©Fotografía: Pablo Vázquez.

Comparte nas túas redes sociais ou por email