O Premio Illa Nova celebra o seu décimo aniversario reivindicando o papel das novas voces na literatura galega

Categoría: Nova

Editorial Galaxia e El Corte Inglés conmemoran hoxe en Santiago de Compostela a traxectoria do certame cun encontro entre autoras premiadas e a presentación de Dos afectos, o río, de Sofía Ruvira, que participará en directo desde os Estados Unidos.

Editorial Galaxia e El Corte Inglés celebran hoxe, xoves 19 de novembro, ás 19:30 horas, no Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, o décimo aniversario do Premio Illa Nova de Narrativa cun encontro literario que reunirá autoras de distintas edicións do certame.

Baixo o título «Premio Illa Nova: dez anos abrindo camiño á narrativa galega», a celebración contará coa participación de Vanessa Santiago, gañadora da primeira edición; Irene Rega Jul, gañadora da sexta edición; e Malores Villanueva, coordinadora do premio.

Un dos momentos destacados será a intervención de Sofía Ruvira, gañadora da edición de 2026, que participará en directo desde os Estados Unidos mediante conexión en liña para presentar a súa novela Dos afectos, o río.

Un premio que impulsa novas voces da narrativa galega

Convocado por Editorial Galaxia coa colaboración de El Corte Inglés, o Premio Illa Nova naceu en 2017 coa vontade de ofrecer oportunidades a escritores e escritoras que comezan a súa traxectoria literaria e favorecer a publicación de novas propostas narrativas en galego.

O certame recupera o espírito da histórica colección Illa Nova, creada por Editorial Galaxia en 1957, que contribuíu á renovación da literatura galega coa publicación de obras de Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares.

Ao longo das súas edicións, o premio contribuíu a dar visibilidade a novas autorías e a facilitar a chegada das súas obras ás librarías e ao público lector.

Entre os títulos publicados ao abeiro do certame destacan Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso, que acadou a súa sétima reimpresión, e O axolote, de Lara Dopazo Ruibal, que chegou á sexta reimpresión. Estas cifras poñen de manifesto a continuidade da vida editorial das obras recoñecidas e a súa capacidade para seguir chegando a novos lectores e lectoras.

A celebración do décimo aniversario ofrece así unha oportunidade para recuperar a traxectoria do Premio Illa Nova, compartir as experiencias das autoras e reivindicar a importancia de manter espazos que favorezan a aparición e consolidación de novas voces literarias.

Dos afectos, o río, de Sofía Ruvira

O encontro incluirá a presentación de Dos afectos, o río, a novela coa que Sofía Ruvira obtivo o Premio Illa Nova 2026.

A obra narra a historia dunha xornalista que regresa á vila da súa familia e descobre na casa dos avós cartas, documentos e lembranzas que lle permiten reconstruír un pasado apenas coñecido.

No centro da investigación aparece a figura dun avó que loitou pola súa xente e pola defensa do río, enfrontándose ao poder ata converterse nun símbolo para a veciñanza.

A novela reflexiona sobre a memoria persoal e colectiva, os silencios familiares, o peso da herdanza e a necesidade de comprender o pasado.

Sofía Ruvira (Allariz, 1996) é escritora e investigadora. Conta cun mestrado en Filosofía, pola Universidade de Santiago de Compostela e outro en Literaturas Hispánicas e Lusófonas pola Universidade de Yale, onde desenvolve o seu doutoramento. Colaborou en medios de comunicación como Praza Pública e Nós Diario. O seu traballo artístico, literario e académico recibiu apoio da Fundación Fulbright, a Xunta de Galicia, o Women Faculty Forum e o MacMillan Center. A súa escrita apareceu en revistas como Dorna. Expresión poética Galega, Clara Corbelhe e The Brooklyn Rail, e deu ao prelo Os corpos fráxiles (2024), Canícula (2025) e El arte de traspasar la escritura (2026). Dos afectos, o río é a súa segunda novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email