‘Os Misterios de Antía Yáñez’ estrean colección en Galaxia cunha nova aventura no castro de Santa Trega

Categoría: Nova

O misterio do castro de Santa Trega é a terceira entrega dunha saga que xa conquistou máis de 30.000 lectoras e lectores.

Editorial Galaxia presenta «Os Misterios de Antía Yáñez», unha colección que reúne as aventuras da escritora Antía Yáñez, ilustradas por Esther S. Rivas, e que incorpora un novo título: O misterio do castro de Santa Trega.

Despois de percorrer Portomarín e Burela, Antón, Sabela, Iria, Carola e o inseparable can Venres regresan cunha nova investigación que os levará ata A Guarda, onde as lendas, os segredos familiares e os acontecementos inexplicables volverán poñer a proba as súas habilidades detectivescas.

Unha colección para descubrir os misterios de Galicia

Con máis de 30.000 lectoras e lectores, as aventuras creadas por Antía Yáñez contan agora cunha colección propia dentro do catálogo de Editorial Galaxia.

Un dos trazos distintivos da colección é a súa vinculación con diferentes lugares de Galicia. A través das investigacións dos protagonistas, as novelas achegan o público lector a escenarios reais, ao patrimonio e ás lendas do territorio, convertendo cada aventura nunha oportunidade para descubrir novos lugares.

A colección reúne os tres títulos da saga, todos eles con ilustracións de Esther S. Rivas:

Un novo misterio agarda no castro de Santa Trega

Na terceira entrega da saga, unhas vacacións familiares volven converterse nunha aventura chea de incógnitas.

O pai dos protagonistas debe asistir a un congreso na Guarda e toda a familia decide acompañalo. Porén, xusto o día da partida, a avoa sofre unha caída polas escaleiras e a nai queda no hospital para coidala.

Ao chegar ao seu destino, Antón, Sabela, Iria, Carola e Venres comezan a sospeitar que algo estraño está a suceder. Quen fixo realmente as reservas dos cuartos? Que presenza misteriosa parece acompañalos? Que hai de certo na lenda da Laxe Sagrada do castro de Santa Trega?

E se a caída da avoa non foi un accidente?

Con esta nova historia, Antía Yáñez recupera os personaxes que acompañaron as lectoras e lectores desde a primeira aventura e propón unha investigación na que nada é o que parece.

«Os Misterios de Antía Yáñez» consolida así un universo narrativo no que as aventuras, a curiosidade e o descubrimento do patrimonio galego van da man, convidando a novas xeracións de lectoras e lectores a converterse en detectives.

Comparte nas túas redes sociais ou por email