O novo libro de Cándido Pazó percorre o espírito da tradición oral galega

Categoría: Nova

O novo libro de Cándido Pazó, O proceso. Apaga o candil, reúne dúas pezas teatrais que dialogan entre si a través dun elo común: a cultura popular galega.

En O proceso, o autor recrea a causa xudicial á que foi sometido Curros Enríquez pola publicación de Aires da miña terra, mentres que en Apaga o candil retrata a atribulada vida e divertida obra de Carlos O Xestal. Dous personaxes singulares que, cada un ao seu xeito, representan a forza da palabra oral e a memoria compartida dun pobo.

Figuras controvertidas, cheas de humanidade e contradición, que atopan en Pazó unha mirada capaz de unir tradición e escena.

Presentacións

  • Martes, 11 de novembro, ás 20 h. Libraría Pedreira (Santiago de Compostela)

    Con Cándido Pazó e Xesús Alonso Montero, catedrático e autor do prólogo.

    Ao remate, servirase un viño cortesía de Bodegas Martín Códax.

  • Mércores, 12 de novembro, ás 19:30 h. Libraría Mendinho (Vigo)

    Con Cándido Pazó, Xesús Alonso Montero, Avelino González, protagonista de Apaga o candil, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

  • Xoves, 13 de novembro, ás 19:30 h. Casa dos Poetas (Celanova)

    Con Cándido Pazó, Xesús Alonso Montero, Xoque Carbajal, actor protagonista en Apaga o candil, e Antonio Piñeiro Feijoo, secretario da Fundación Curros Enríquez.

Cándido Pazó (San Paio de Navia, Vigo, 1960) é dramaturgo, director teatral e narrador oral. Autor de vinte e cinco pezas, como A piragua, As do peixe, O bululú do linier, García, Vida de cans, Foucellas Fillos do Sol, entre outras. Das moitas adaptacións que asinou, poden citarse Commedia, Nano e A galiña azul, con mención especial ao seu monólogo teatral baseado en Memorias dun neno labrego, que chegou ás duascentas funcións, fito pouco común no teatro galego. Os seus últimos traballos neste campo foron A peste, sobre a novela de Albert Camus, e Cigarreiras, versión escénica de La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.

As súas pezas recibiron varios premios Max e numerosos María Casares. Pola súa traxectoria, é Xograr de Outono do FIOT de Carballo, Premio Vidal Bolaño da MIT de Ribadavia, Premio Xiria da MITCF de Cangas e Premio da Cultura Galega.

Actualmente é o director e dramaturgo habitual de Contraproducións, empresa teatral da que é un dos fundadores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email