O xurado dos Premios da Cultura Galega 2025 distinguiu a Editorial Galaxia na categoría de Letras, un recoñecemento que pon en valor a súa longa traxectoria ao servizo da cultura, da lingua e da literatura galegas.
A editorial, fundada en 1950, celebra este ano o seu 75 aniversario, unha efeméride que coincide con este galardón e que reforza o seu compromiso coa difusión da creación literaria en galego e coa construción dun proxecto cultural colectivo ao longo de máis de sete décadas.
Os Premios da Cultura Galega distinguen a excelencia creativa, a experimentación, o intercambio e a proxección do panorama cultural galego, así como o compromiso de proxectos e persoas que contribúen a enriquecer a identidade cultural do país.
Ademais de Editorial Galaxia, nesta edición foron recoñecidos:
Artes Visuais: Bienal de Arte de Pontevedra
Artes Escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Música: Bodegas Martín Códax
Audiovisual: Baños Films
Lingua: Campaña Aquí tamén se fala
Patrimonio Cultural: Antón Corral
Proxección Exterior: Programa de radio Sempre en Galicia
Desde Editorial Galaxia expresamos a nosa gratitude polo recoñecemento e trasladamos os nosos parabéns ao resto de galardoados, referentes da creación e da difusión cultural galega.