Galaxia recibe unha Mención Especial pola súa contribución á cultura e á lingua galega

Categoría: Blog

Onte, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, recibimos a Mención Especial na II Edición dos Premios Benfeito de Consumo, concedida pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en recoñecemento aos nosos 75 anos de traxectoria ao servizo da cultura e da lingua galega.

O galardón foi recollido por Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, e entregado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Manuel Pérez, presidente do CES Galicia; e Miguel López.

Desde a súa fundación en 1950, Galaxia mantivo un compromiso firme coa promoción, preservación e dinamización do galego como lingua literaria e cultural, convertendo a literatura en galego nun ben accesible, desexable e de prestixio.

A organización destacou “a calidade editorial, a aposta pola diversidade de voces, consagradas e emerxentes, e a valentía de abrir camiños para a literatura galega contemporánea”.

Os Premios Benfeito de Consumo recoñecen as achegas das empresas galegas ao desenvolvemento social e económico do país e consolidan esta cita como un espazo de referencia para poñer en valor o bo facer empresarial.

Xunto a Galaxia, tamén foi distinguida coa Mención Especial a empresa Florentino, polo seu labor no sector da moda ao longo de máis de seis décadas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email