O galeguismo agasalla a Camilo Nogueira en Trasalba

Categoría: Nova

Unha xornada emocionante. Amigos, compañeiros de andaina política, xente vencellada á cultura galega e ao galeguismo, mesmo de distintas xeracións, confluíron o domingo en Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, para homenaxear a Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936), por toda una vida comprometida con Galicia e o galeguismo. O espírito de Otero Pedrayo e da Xeración Nós deixábase sentir no ambiente, coa idea de Europa en primeiro plano, idea tan querida por Camilo, igual que o foi no seu déa por Castelao, Otero, Vicente Risco, Villar Ponte…
O escritor Suso de Toro encargouse da laudatio. Unha intervención documentada e sentida, entregada á personalidade da figura a homenaxear, á que no anos 80 dedicou un libro de conversas: "Camilo e outras voces" (Xerais). "O optimismo da vontade e da intelixencia. A Idea de Galicia sempre en positivo, sempre para avanzar, porque a vontade das persoas é fundamental para construir o futuro dos pobos", en palabras de Suso de Toro.
Camilo agradeceu o Premio e fixo una chamada á ilusion, a unidade de esforzos para seguir construindo o pais, porque as ideas seguen vivas "e non debemos deixarnos levar por circunstancias que debemos analizar e superar. Gaicia é hoxe moito máis forte que hai cincuenta ou sesenta anos, ten moitísima máis creaividade, dispón de moitos mais recursos. Só temos que sábelo organizar e activar". A continuación, recibiu de mans do Presidente de Honra da FOP, Xesús Alonso Montero, a figura en bronce de Otero Pedrayo, realizada polo escultor Manuel Buciños,
Actuou no acto o grupo musical Tundal, e presentáronse dous novos títulos da Fundación: a primeira entrega das memorias de Otero Pedrayo, "Lembranzas do meu vivir", que comentou o profesor Ramon Villares, autor do limiar; e a recuperación de "Parladoiro", escolma xornalística de Otero que no seu dia, en vida do autor, realizou o profesor Carlos Baliñas. O presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, fixo tamen referencia ao Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que este ano se concedeu ao libro de Alfonso Mato e Santiago Lamas, "De camiños, viaxeiros e caminantes", unha homanaxe á viaxe a pé que en 1927 realizaron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben Cho Shey.
No noso blogue deixamos unha completa crónica fotográfica da xornada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email