Convocada a X edición do Premio Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova

A Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan a X edición do Premio Narrativa Breve Repsol.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o vicepresidente de Fundación Repsol, Ignacio Egea, asinaron onte a renovación do convenio de colaboración que ambas as dúas entidades manteñen desde o 2006. Estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo director da Refinería de Repsol na Coruña, Luís Felipe Llamas.
O obxectivo do convenio é o impulso da creación de literatura en galego, a través deste certame literario xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Desta forma, a Xunta de Galicia promove, xunto ao apoio de Fundación Repsol, o uso social da lingua galega, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

Requisitos do premio
A dotación económica do premio ascende, por cuarto ano consecutivo, a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia.
As obras poderán enviarse antes do próximo 30 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.
As bases están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.com, en acoruna.repsol.com e na ligazón á dereita destas páxinas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email