Europa é un proceso en construcción. Hoxe convén lembralo, máis ca nunca. Un proxecto destas características, certamente histórico, non se consuma en catro ou cinco anos, leva décadas, ás veces xeracións. Mais cómpre unha pedagoxía social e política que non existe, porque os estados seguen traballando para si, co egoísmo do particular, non co necesario espírito de solidariedade colectiva. Aquí é onde debemos reivindicar o espirito do federalismo.
Xosé Luis Franco Grande presentou en Santiago de Compostela o seu libro "Outra política para outros tempos" (Ensaio, Galaxia, 2013) diente dun público numeroso e interesado.
O federalismo nace da solidariedade e da liberdade das partes que deciden federarse. Tal foi o principio dos fundadores da idea dunha Europa política unida, despois da Segunda Guerra Mundial (Jean Monnet, Robert Schuman, Denis de Rougemont), idea que nos últimos tempos deu en esmorecer e que cómpre recuperar para o futuro inmediato.
As recentes eleccións (25 de maio) animaron especialmente o coloquio. ¿E Galicia? Unha Europa con futuro debe fundamentarse nunha Europa capaz de recoñecer e aceptar a diversidade dos pobos, as nacións, as colectividades que a conforman.