O Día da Tradución dedicado a Valentín Arias

Categoría: Nova

O día 30 de setembro é o Día Internacional da Tradución. Entre os actos programados inclúese a homenaxe a Valentín Arias López (Sarria, 1934), personalidade sobranceira da cultura e do libro galego, mestre destacado nos movementos de renovación pedagóxica e de galeguización do ensino e autor dunha importante e abondosa produción de traducións á nosa lingua, con textos procedentes sobre todo do francés, do portugués e do español.

O acto da Homenaxe a Valentín Arias celebrarase no Auditorio do Centro Social Caixanova (Vigo), ás 19,00 horas, e entre outras personalidades intervirá a Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. A entrada é libre.

Entre os numerosos títulos que Valentín Arias leva traducido ao idioma galego salientan: O estranxeiro, de Albert Camus, Voo de noite, de Antoine de Saint-Exupery, A fractura do miocardio, de Jacques Fansten, varias obras de Jules Verne (Viaxe ao centro da terra, A volta ao mundo en 80 días, etc.) e unha abondosa relación de títulos de literatura xuvenil e infantil. Tamén traballou no equipo de especialistas que elaborou a tradución galega de O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.

Comparte nas túas redes sociais ou por email