O catedrático Ramón Lorenzo, Premio Trasalba 2011

Categoría: Nova

O catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, Ramón Lorenzo Vázquez (Eirapedriña, Ames, 1935), cofundador do Instituto da Lingua Galega en 1971, poeta, especialista en léxico e lingua medieval, editor da "Crónica troyana" e de importantes textos do literatura da Idade Media, fundador e director da revista "Dorna", ácademico da RAG, tradutor, membro do grupo Brais Pinto, mestre de varias xeracións de profesores e lingüistas galegos, vén de ser distinguido por unanimidade co Premio Trasalba, que todos os anos a Fundación Otero Pedrayo dedica a unha personalidade das nosas letras.

O acto de entrega, como xa é tradicional, realizarase nunha Festa Literaria que a institución celebra na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) o derradeiro domingo do mes de xuño. Rosario Álvarez Blanco, actual directora do ILGA, será a encargada de pronunciar a laudatio. Trasalba vestirase de festa este ano arredor da lingua. Entre os asistentes distribuirase o Libro Homenaxe, que nesta ocasión leva por título "Ramón Lorenzo. Señor das palabras", e que prepara Editorial Galaxia, con colaboración de distintos discípulos, compañeiros, admiradores e amigos. Como lembranza se lle entregará tamén unha placa e o tradicional debuxo de Isaac Díaz Pardo, que deseña especialmente todos os anos para o homenaxeado.

Ramón Lorenzo é unha figura sobranceira da moderna filoloxía galega, disciplina que a partir dos anos 70 recibe un pulo importante na universidade compostelana, vencellada con especialistas doutras universidades do mundo. O profesor Lorenzo formouse en Madrid, a carón de Dámaso Alonso, mais tamén en Alemaña (Colonia), co profesor Joseph Piel entre outros. Durante a súa estadía naquel país, nos anos 60, coñeceu á escritora Úrsula Heinze, coa que casou, e que tamén se incorporou activamente á literatura galega. Ambos os dous son autores de varias traducións de obras do alemán ao galego.

A súa especialidade principal é a lingua medieval. Son abondosos e moi recoñecidos, dentro e fóra de Galicia, os seus estudos sobre o galego dos primeiros séculos. Entre os seus traballos, xa dende a mocidade, salientan os estudos sobre as versións galegas da "Crónica General" e a "Crónica de Castilla", que marcaron un fito e crearon un paradigma na edición de textos medievais, ademais da citada "Crónica Troyana". Participou na elaboración dos primeiros textos para o ensino do galego ("Galego 1", "Galego 2" e "Galego 3" do ILGA), así como nos primeiros programas para o ensino da lingua no ámbito non universitario, a partir de 1979. Outrosí foi membro da comisión (ILGA-RAG) encargada da tradución do "Misal Romano", referencia obrigada no proceso de galeguización da liturxia.

Xeracionalmente pertence ao chamado grupo Brais Pinto, formado por estudantes mozos en Madrid contra finais dos anos 50, e das promocións de Xosé Luis Méndez Ferrín, Franco Grande, Raimundo Patiño, Xosé Manuel Beiras, Bautista Álvarez, Alexandre Cribeiro, Herminio Barreiro, Xosé Fernández Ferreiro, etc. Cultivou a cultiva tamén a poesía.

A Festa Literaria de Trasalba é unha convocatoria anual da Fundación Otero Pedrayo na que se homenaxea a unha figura sobranceira das nosas letras. O premio ten carácter honorífico. A anterior edición estivo dedicada ao historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, anterior presidente da RAG. Para a elección da persoa homanexeada recíbense candidaturas de distintas institucións, algunhas das cales forman parte do Patronato da FOP, e de particulares. En opinión dos promotores do Premio Trasalba "a figura de Ramon Lorenzo encarna a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura".

Comparte nas túas redes sociais ou por email