O CANTO DA LITERATURA

Categoría: Opinión

Ás veces teño encontros con rapaces de institutos. Serven para que eles poidan ver que os escritores somos xente normal -vulgar, chegáronme a presentar unha vez-, e que a literatura está tan preto da súa man como ser camioneiros, torneiros ou cobradores do gas. Cómprelles -aclaro sempre- ser antes calquera desas cousas, porque a meirande parte dos escritores que coñezo adícase “como hobby” a outras tarefas para gañar o pan.
-Así que os escritores tamén traballades? -Pregúntanme.
-Non tanto -dubido-. Moitos son funcionarios.
De aquela o profesor -esgotado de aturar aos alumnos- fustígame con ollada asasina e o encontro remata dunha maneira un tanto apresurada.
Gosto de falar cos rapaces. Eles teñen moi claro o “custo” das cousas: “Canto gañas por cada libro?”, “canto tempo tardas en escribilo?” son preguntas cotiás sobre o “canto” da literatura que me fan e que os adultos, por pudor e por saúde mental, non somos quen de plantexármonos. Se o fixese podería chegar a preguntarme cousas como:
-E se todo ese tempo e esforzo que paso diante do ordenador o empregase na pesca? A canto vai o quilo de robaliza? Se cadra a miña familia estaría máis agradecida cunha boa robaliza enriba da cociña que cun libro novo.
Tento explicarlles que un escribe por moitos motivos: Por contar unha historia, polo pracer de transmitir algo, porque o precisa; pero as preguntas sobre o “canto” son procedentes nese xuízo ao que me someten sen piedade. Existe un prezo literario que si poderíamos medir: Tantos euros veñen acó por esta obra traducida ao ruso, tantos marchar acolá por estas obras anglosaxoas verquidas ao galego. Coido que poucos rapaces, poucos políticos e poucos empresarios son conscientes de que a literatura é un un produto vendíbel: de que cada libro de Harry Potter –por exemplo- supón diñeiro para o Reino Unido. Aí, nesa balanza, os galegos temos un enorme potencial de exportación por aproveitar. Non sería o meu caso -lembremos que son un escritor “vulgar” que mellor estaría pescando robalizas- pero si sería o caso de ducias de obras da nosa literatura. Nós lemos as aventuras dun rapaz en Londres da mesma maneira que unha rapaza de Oklahoma pode ler obras situadas no peirao de Bouzas. Exportemos literatura e quedemos coas nosas robalizas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email