A fiestra da lectura

Categoría: Opinión

Adóitase falar da crítica literaria como un sector homoxéneo que exerce a facultade de xulgar, con criterio máis ou menos acertado, a produción do momento e, nalgúns casos, categorizala para a historia que está por escribir. Case sempre parte ao tempo que xuíza, a crítica literaria é situada a miúdo nun punto de mira delimitado polas coordenadas da compracencia e da descualificación. Tales estremas percíbense nun sentir que demanda, e con acerto, unha verdadeira crítica literaria, independente e obxectiva.
Cómpre, con todo, non esquecer que o crítico literario é, antes que nada, un lector que mostra as claves dunha lectura o máis imparcial e razoada posíbel. Na súa mesa de traballo repousan ferramentas literarias imprescindíbeis, mais tamén as pegadas dactilares que o lugar desde onde escribe e as súas experiencias foron conformando. É por iso polo que prefiro entender a crítica literaria como unha fiestra aberta á lectura que deixa ao descuberto os fíos, os delicados pespuntos e tamén os puntos falsos do texto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email