As culturas non se poden comparar en termos valorativos. Nin desde o punto de vista diacrónico, a dunha época coa doutra época, nin desde o punto de vista diatópico, a dun lugar coa doutro lugar. Que llo digan a Picasso que se fixo ultramoderno referindo a arte ancestral africana. Na Europa posfuturista a arte inspirábase nos trazos dos máis vellos protoartistas. Mais admito que, por veces, pode resultar unha tentación. Fachendear da nosa produción literaria e musical, por exemplo, fronte ás dos nosos veciños inmediatos. Ou fronte ás de tempos pretéritos. De pouco vale termos grandes creadores se non os sabemos proxectar sobre nós mesmos, primeiro, e sobre o mundo, despois. Por iso creo que vai sendo hora de que empreguemos unha parte da nosa enerxía non só en crearmos produtos culturais, que xa os creamos, senón en defendelos e vendelos, en promocionalos e enchelos de valor. Na certeza de que unha grande obra e un grande autor son, antes de máis, unha construción sociolóxica. Marcel Duchamp tíñao moi claro cando dixo que a arte era, sobre todo, concepto. E é que acaso esteamos no momento dos pensadores e ensaístas.