O arrecendo das lembranzas

Categoría: Opinión

Somos seres sensitivos nos que todas as partes do noso corpo teñen e reteñen recordos centrados neses cinco sentidos que de pequenos nos ensinaron que tiñamos; pero penso que deles o que máis nos fai lembrar, o que máis rápido abre esas portas traseiras do vivido, é o do arrecendo.
Neste mundo de palabras aprendidas segundo se medra, no meu pequeno recuncho léxico só teño, de vello, dous termos: cheirar (ben ou mal), e arrecender; e isto foi desde que o meu avó me aclarase de algo que non lembro, que “non cheiraba ben, senón que arrecendía”.
Son estas pegadas olfactivas as que nos deixan na memoria un buraquiño aberto que, de cando en vez, cando algo semellante brinca dentro do noso durmido cerebro e enche ese baleiro do “case esquecido”, trae lembranzas do vivido (do bo vivido). E o mesmo que somos e pensamos en parte segundo o que fomos lendo, o arrecendido abeira nun recanto agradable e tráeme, raras veces, fuxidiamente, o aroma da herba acabada de segar nunha tardiña de xuño naquela pequena herbeira da nenez; de rosas e naftalina da avoa Lola; de libros novos e goma Milán de comezos de curso; de chicle de fresa (máis sabor que olor) daqueles primeiros bicos nun banco da alameda; de aromas penetrantes de madeira vella e libros na vella Facultade; ou aquel arrecendo incomparable a tenrura e agarimo, a leite e “Nenuco” dos meus cativiños…; ou o fugaz e pasaxeiro arrecendo de alguén pola rúa que che lembra a non sabes quen e non sabes onde…
E agora, tamén me pregunto, ¿que arrecendo me quedará deste presente que no futuro será pasado? ¿A que arrecenderán as conversas abeiradas nun sofá ou os paseos en bicicleta pola beira do Miño, os deberes de Matemáticas cos meus nenos ou as tardes aprendéndolles a montar en bicicleta? ¿Ou os castelos de area nunha praíña de cabo Udra?
¿E estes tempos de crise? ¿A que arrecenderán? Penso que máis ben “cheirarán”…

Comparte nas túas redes sociais ou por email