O alumnado do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo visita a Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Hoxe, celebrando o Día Europeo das linguas, recibimos nas instalacións da editorial Galaxia, en Vigo, a visita dun grupo de estudantes e profesoras do Instituto arxentino galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Rapazas e rapaces chegados dende o outro lado do océano Atlántico, viñeron á nosa casa para reafirmarse nos valores legados polos devanceiros, que levan ata a súa terra, Bos Aires, no seu quefacer cotián.
Na editorial, estivo para recibilos o noso director xeral, Francisco Castro, xunto coas compañeiras e compañeiros do equipo galáctico. Con el, conversaron sobre a historia de Galaxia, autores clave como Xosé Neira Vilas, do que acabamos de publicar, na colección Lectura Fácil, Memorias dun neno labrego, adaptado por Lucía Gómez Álvarez, e Espantallo amigo, adaptado por Désirée Silva Bernárdez, ilustrado por Xaquín Marín.
Tamén se fixeron abondosas referencias á ascendencia galega da maioría do alumnado, e tivemos a ocasión de comprobar o seu dominio da nosa lingua e o seu coñecemento sobre os nosos persoeiros máis sobranceiros.
Ademais, a Editorial Galaxia agasallounos cun exemplar para cada un de Mañá vén meu tio, de Sebastián Santana Camargo, sobre o tema das desaparicións forzadas; e Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira, de Juan López Rico, unha proposta de humor intelixente.
Pola súa banda, as alumnas e alumnos, agasalláronnos cunha lámina da artista arxentina Lara Palma e convidáronnos a visitalos de novo nas súas intalacións en Boas Aires.


Instituto Santiago Apóstolo
O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Comparte nas túas redes sociais ou por email