As obras, publicadas na colección Lectura Fácil, Memorias dun neno labrego, Espantallo amigo, e, a pertencente á colección Árbore, O cabaliño de buxo, son as creacións que engrosan o catálogo dedicado ao autor de Vila de Cruces.
Lucía Gómez Álvarez foi a encargada de adaptar á Lectura Fácil Memorias dun neno labrego, unha das obras máis importantes da literatura galega, a máis lida e traducida. O seu protagonista, Balbino, un rapaz de aldea de mediados do século XX observa o mundo que arrodea e adoece por entendelo, pero ninguén lle dá as respostas que precisa. Unha obra imprescindible que nos axuda a entender a nosa sociedade dende a inocencia dun rapaz de aldea, coma quen din, un ninguén, e ademais pobre.
Adaptado por Désirée Silva Bernárdez e ilustrado por Xaquín Marín chega Espantallo amigo. Unha creación ateigada de sensibilidade, imaxinación e baseada nas raíces culturais. O protagonista desta historia ten un corazón de pexego, quentiño e bo, coma as cousas que el fai.
A figura do tío Ramón de Reborneda dá os mellores figos da aldea pero os merlos tamén o saben, e non deixan un para probar, así que o tío Ramón decide, cuns paus, roupa vella e un pouco de palla, facer un espantallo… moi especial.
Enfocada á cativada, O cabaliño de buxo, ilustrada por Belén Rodríguez Pazo, está ambientada no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
A edición destas obras contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos escritores máis sobranceiros das letras galegas. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que viviu en primeira persoa na Arxentina, onde fundou Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego, xunto coa súa muller Anisia Miranda, e Cuba. A súa mestría creadora amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Entre a súa ampla produción literaria poderíanse citar: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), De cando o Suso foi carteiro (1988) e Memorias dun neno labrego (1961), un dos libros máis famosos das letras galegas.