Hoxe, 8 de marzo, día da muller, aproveitamos para facer un percorrido polas nosas últimas publicacións relacionadas co movemento feminista, coas que dende Galaxia queremos contribuír a darlles visibilidade ás inxustizas e desigualdades que aínda hoxe atopamos entre homes e mulleres.
A colección Feminismos chegou ás librarías a comezos de novembro do ano pasado con tres títulos rompedores e moi variados, tal como adiantaba o plural do título: Chámame señora, pero trátame coma un señor, de Inma López Silva, Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de sumisión, de Carme Adán, e ám@me. Pensar o amor no século XXI, de Chis Oliveira e Amada Traba. Dende o seu lanzamento a colección está a ter unha fantástica acollida, e os coloquios e presentacións sobre os libros seguen a sucederse en distintas vilas de Galicia onde as autoras falan da súa obra acompañadas de expertas en materia de igualdade, coeducación e acción contra a violencia machista.
Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo é unha memoria sobre o 8M de 2018, onde oito muleres de distintas profesións contan a sua experiencia na folga e as suas vivenzas arredor desa xornada histórica dende unha ollada feminista. A publicación, coordinada por Inma López Silva, nace dunha colaboración entre a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, e durante as últimas semanas levouse a cabo unha xira de presentación nalgunhas das principais vilas da provincia.
Feminismos. A historia cóntana ás vencedoras de Anna R. Figueiredo fai un percorrido pola situación da muller ao longo da historia co foco nas revoltas feministas ao tempo que pon en valor a todas esas mulleres que foron invisibilizadas polo feito de ser mulleres. Neste proxecto editorial reflíctese a necesidade do movemento feminsita en prol da igualdade de todos e todas. Este libro, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade, chegará nas próximas semanas aos centro de ensino e bibliotecas públicas galegas.
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) de María Xesús Lama, emprendeuse como un proxecto que buscaba coñecer mellor a unha das mulleres máis importantes da historia e a literatura da Galicia do século XVIII, e tamén a unha precursora do feminismo cuxo perfil a miúdo foi distorsionado por olladas patriarcais. En 2017 levou o premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio do ano, e en 2018 o Premio Nacional de Ensaio, outrogado polo Ministerio de Cultura, e o I Premio de Investigación Baltar Feijóo, convocado pola Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón.
Todos eles títulos que nos axudan a avanzar, a construír unha sociedade máis igualitaria, mellor. Unha sociedade onde contemos todas.