Será mañá martes, ás 20.00 h, nun acto no Café Moderno no que o autor estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey.
A nova novela de Miguel Suárez Abel leva o lector desde Alemaña ás selvas e cidades de Colombia. A historia de Wilson Valderrama está dividida entre as arelas por mellorar a vida dos máis desfavorecidos no seu país natal e as comunidades de emigrantes en Alemaña, onde vive; tamén o está entre dúas mulleres, Gloria Inés, a súa amante colombiana, e o abeiro que lle ofrece Pastora e a súa familia galega na emigración.
Wilson Valderrama dedicou os últimos trinta e cinco anos do século XX a loitar coma un poseso por mellorar as condicións de vida dos emigrantes españois en Alemaña e a dos máis pobres no seu país natal, Colombia. Nos primeiros anos do presente século enferma de gravidade e a este quebrantamento acompáñao o da súa vontade. Miguel Suárez Abel conta a súa historia cando o protagonista de Nunca te vin chorar, xa fracasado, resiste a duras penas coa obsesión derradeira de cumprir cun compromiso: volver a Colombia para salvar a Gloria Inés, a muller que cunha paixón sen freo andou detrás da súa enerxía dende unha noite de esmorga en Medellín. Pero marchar significa abandonar a Pastora, a galega que o integrou na súa familia nos anos de emigrante.
As voces das dúas mulleres axudan ao lector a penetrar na misteriosa vida de Wilson, sobre todo na súa teima por inventar un detrás doutro proxectos de transformación social. Mais, ao cabo, ¿quen é Wilson Valderrama? ¿Un santo, un idealista ou un xogador de vantaxe?