O acto terá lugar este sábado 12 de xuño, ás 12.00 h, no Auditorio de Cangas do Morrazo. O escritor Bernardino Graña lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, titulado "Contos populares e Rosalía". O discurso de resposta correspóndelle a Ramón Lorenzo.
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) traballou como catedrático de lingua e literatura no ensino medio. Aos dezaoito anos xa formaba parte, a carón de Celso Emilio Ferreiro, do consello de redacción da revista de poesía Alba. Foi premiado varias veces nas xa míticas Festas Minervais de Compostela e, no ano 1958, participou en Madrid na fundación do Grupo Brais Pinto, co que publica Poema do home que quixo vivir, o seu primeiro libro.
Impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa obra abrangue diferentes xéneros: poesía, teatro, narrativa e literatura infantil. Entre os seus títulos máis destacados está o poemario Profecía do mar (1966), libro fundamental na poesía galega do século XX, Non vexo Vigo nin vexo Cangas (1975), Himno verde (1992) e Sen sombra e sen amor (2004). Recentemente obtivo o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa pola súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes.