O mes de setembro virá, como cada ano, repleto de novidades literarias que van preparando un outono que vai ser tamén vizoso en publicacións da nosa editorial.
Nesta volta á normalidade logo do parón do mes de agosto, a nosa editorial tira do prelo libros que están chamados a conquistar o corazón das lectoras e lectores en galego.
Para os máis pequechos, entre outras novidades, publicaremos para o lectorado a partir de 10 anos, unha nova edición de ALÉN DA AVENTURA, de Carlos Vila Sexto, O ENIGMA DE MONA LISA, de María Noel Toledo e VERSOS PARA CONVERSAR, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. E na colección Árbore 12 anos, O NENO INVERNO, de María Canosa.
O público xuvenil verase gratamente sorprendido co libro de poemas de Paula Carballeira, NUNCA MASCOTAS.
Os clásicos, coma sempre, terán unha gran importancia entre as novidades previstas e así, verá a luz novamente O PORCO DE PÉ, de Vicente Risco en nova edición a cargo de Olivia Rodríguez e o CUARTO ADRAL de Filgueira Valverde.
No apartado puramente literario, entre outras novidades destacan O ALFAIATE PORTUGUÉS, de Xabier Senín e CONTOS POPULARES DE LUGO, en edición de Ricardo Carvalho Calero.
A poesía terá o seu tempo coa obra de Rebeca Baceiredo O CANTO DA SIBILA.
Finalmente, Ana Torres Jack, dentro da Biblioteca de Intervención Social publicará MÁIS ALÁ DO AZUL E DO ROSA.
Un setembro, pois, ben estimulante que vai completando un ano de novidades literarias que, coma sempre, culminarán cunha proposta outonal moi completa e suxestiva.