Novidades da Biblioteca Compostela

Categoría: Nova

Por primeira vez traducida para o galego, a obra de Goliarda Sapienza está a ser descuberta nos últimos anos por lectoras e lectores de toda Europa. Inédita ata a súa publicación en italiano neste 2011 por Einaudi Editore, a novela Eu, Jean Gabin sae na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, colección que Galaxia tira do prelo coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago.

Pode unha rapaza -abandonada toda a tarde no ventre seguro dun cinematógrafo- chegar a identificarse totalmente co actor Jean Gabin? Si, se esa rapaza se chama Goliarda Sapienza. A actriz de cinema convertida en escritora é unha das descubertas da narrativa italiana actual. Lectoras e lectores estanse a achegar á súa obra literaria, que se volve publicar despois da súa morte. A autora refíerese á súa narrativa denominándoa "autobiografía de contradicións", é dicir, trátase de volver sobre algúns momentos da propia vida para entender como o tempo se combina coa memoria e así ser consciente de que o pasado realmente está tan vivo que non se pode fixar dentro de nós.

Velaí aquela nena da Civita de Catania que formaba parte dunha minoría, a dos poucos antifascistas aínda resistentes na Italia dominada por un réxime totalitario vixilante e triunfante. O seu pai, un avogado odiado polos fascistas; a nai, socialista, que transforma a súa casa nun reduto de resistencia e de contracultura; e unha tribo de irmáns que perseguen, dun xeito contaxioso, os seus soños. En Eu, Jean Gabin, cóntase todo isto concentrado nunha presada de días. Novela publicada postumamente en 2011, escrita por unha actriz que acabou creando un dos personaxes literarios inesquecibles da narrativa italiana contemporánea.

Con A desaparición de Esme Lennox a escritora británica Maggie O’Farrell obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago correspondente ao ano 2010. Con devastadora precisión, a novela premiada saca á luz as perigosas manobras coas que se disfraza o presente; un presente que volve a emerxer anos despois, cando os protagonistas iniciais xa desapareceron, para trastocalo todo. Publicada orixinalmente en inglés no ano 2006, A desaparición de Esme Lennox desenvólvese en Edimburgo, na década de 1930. A familia Lennox ten problemas coa súa filla máis nova. Esme é franca e odia as convencións. Con frecuencia, avergónzaos ante a boa sociedade e hai que lle poñer remedio a este problema. Anos máis tarde, unha moza chamada Iris Lockhart recibe unha carta informándoa de que ten unha tía avoa nun a unidade psiquiátrica que está a piques de desaparecer. Iris nunca oíu falar de Esme Lennox e a única persoa que lle pode dar unha explicación, a súa avoa Kitty, é incapaz de responder as preguntas de Iris. Que fixo Esme para merecer que a encerrasen toda a vida nun manicomio? E como é posible que se poida borrar completamente unha persoa da memoria da familia?

A desaparición de Esme Lennox é a formidable historia dunha vida roubada e impugnada. Maggie O’Farrell é a herdeira directa de Daphne du Maurier, a autora de Rebecca, novela levada ao cinema por Alfred Hitchcock.

Comparte nas túas redes sociais ou por email