Mañá presentaremos en Betanzos a novela gráfica de Xosé Tomás, Nómades.
No acto participarán Ramón García Vázquez, alcalde de Betanzos, Xesús Fraga, xornalista, e o autor, para falar deste libro que inaugura a nosa colección de Novela Gráfica e na que Xosé Tomás escribe sobre mulleres que o arriscan todo para cruzar o mar polo futuro dos seus fillos; mozas e mozos que se prostitúen para enviar diñeiro á casa, coa aceptación tácita das súas familias, que "non preguntan"; mulleres que adquiren unha cualificación profesional e académica e que chegan a situarse comodamente na sociedade, pero sen que por iso sexan de todo aceptadas; anciás que se equivocan ao emigrar, porque xa é tarde para acadar a integración; empregadas do fogar sen papeis que non inspiran nin mágoa, porque son, no fondo, un problema económico e legal; e nenas que se integran, que se abren camiño con normalidade na nova sociedade e borran toda pegada dun pasado de dor e indefensión. NÓMADES é unha homenaxe ás pequenas historias íntimas, as que son, en realidade, mundos complexos para quen as vive. E trátase dunha historia que ten fe na superación persoal, posto que comeza cunha travesía pola morte, e remata coa redención humana. Nawal, que pecha o círculo da vida da súa familia e da propia obra, é o que finalmente queda no padal: o regusto pola esperanza, nun mundo no que a palabra "estranxeiro" é universal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR