Hoxe dá comezo unha nova edición de INSPIRACIENCIA, segunda edición dun certame que o ano pasado conseguiu unha altísima participación no conxunto do Estado. Ata o de agora só podían presentarse orixinais en castelán e catalán. Dende hoxe, tamén en galego pois a Editorial Galaxia decidiu participar este ano na organización poñendo así a disposición dos e das que escriben en galego a posibilidade de concursar na lingua propia de Galicia.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é quen convoca a segunda edición de Inspiraciencia, concurso de relatos de inspiración científica no que poden participar públicos de todas as idades. Trátase dunha iniciativa da Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Cataluña e do Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona, que conta co patrocinio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Inspiraciencia quere achegar a ciencia á sociedade a través dunha actividade creativa como a escritura. Pretende ser un espazo no que todo o mundo poida pensar ou imaxinar a ciencia dun xeito participativo. Na súa primeira edición recibíronse un total de 214 contribucións.
Os relatos poderanse publicar na web http://www.icmab.es/inspiraciencia ata o 15 de marzo de 2012.
O concurso ten dúas categorías (xuvenil, para participantes de entre 12 a 17 anos, e adultos, a partir de 18 anos) e dúas modalidades, relatos curtos, cunha extensión mínima de 800 palabras e máxima de 1.500, e microrrelatos, cunha extensión máxima de 500 palabras. Como novidade desta edición, ademais dos idiomas catalán e castelán, as obras tamén se poden presentar en galego. Cada concursante poderá publicar un relato para cada modalidade.
Para cada categoría e modalidade haberá un premio institucional e un premio do público. Para o primeiro, un xurado formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura avaliarán as contribucións e emitirán a súa resolución. O premio do público decidirano os internautas por votación online unha vez pechada a recepción de relatos. O acto de entrega de premios está previsto que se celebre en abril de 2012.
Outra novidade desta edición é a vontade de dar unha presenza física no concurso. Mentres estea aberto, organizaranse unha serie de charlas en diferentes bibliotecas de España que ofrecerán algunhas claves dos múltiples vínculos que unen a ciencia e a literatura. En Barcelona, a Dra. Carme Torras, investigadora no Instituto de Robótica e Informática Industrial (CSIC-UPC) e autora da novela "A mutación sentimental", ofrecerá unha charla na Biblioteca da Sagrda Familia o 31 de xaneiro de 2012 sobre as estreitas relacións entre a ciencia e a ficción a partir da súa experiencia que mostrará a confluencia dos robots na ciencia e a ficción.
Inspiraciencia conta coa colaboración de 12 centros do CSIC: o Centro de Investigación Cardiovascular (ICCC-CSIC), a Institución Milá e Fontanals, o Instituto de Ciencias do Espazo, o Instituto de Ciencias do Mar, o Instituto de Ciencias da Terra Jaume Almera, o Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial, o Instituto de Microelectrónica de Barcelona, o Instituto de Robótica e Informática Industrial (CSIC-UPC), o Instituto de Ciencias do Patrimonio, o Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia, o Instituto de Investigacións Mariñas e a Misión Biolóxica de Galicia. Conta tamén coa colaboración das delegacións do CSIC en Andalucía, Aragón, Galicia e Valencia e o apoio da Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica do CSIC.
Inspiraciencia conta ademais co apoio de Bibliotecas de Barcelona, da Rede de Bibliotecas Municipais da Deputación de Barcelona, da Escola d'Escriptura do Ateneu Barcelonès, a Editorial Galaxia e a Escola de Escritores.