Nova tese de doutoramento con referencias a Editorial Galaxia

Categoría: Nova

A tese titúlase <em>A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia</em> e foi presentada na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección do profesor Arturo Casas. O autor, Mario Regueira, analiza a emerxencia dun campo cultural galego entre os anos 1936 e 1966.

Neste contexto, no que Galaxia se vai consolidando a partir de 1950 como primeira editora do país, analízase de forma específica o seu traballo na conquista de ámbitos para a lingua galega, así como as influencias ideolóxicas e filosóficas que están por detrás do seu discurso e da súa actividade editorial.

A tese trata, asemade, sobre a forma na que este legado ideolóxico condiciona as primeiras narrativas publicadas por Galaxia e a relación das novas propostas da mesma, especialmente o que se deu en chamar "Nova Narrativa" e máis a relación con outras que viñan do exilio, ou mesmo a actitude de certos axentes que adoptaron o castelán como lingua literaria. Concédese, dentro desta perspectiva, un papel especial á configuración das fronteiras do campo literario galego neste período, cuxa definición, segundo o autor do traballo, a grandes trazos segue vixente nos nosos días.

Comparte nas túas redes sociais ou por email