Manuel Portas presenta Lourenço, xograr en Rianxo

Categoría: Nova

Manuel Portas presenta este venres, día 29 de xaneiro, ás 20h30, no Auditorio de Rianxo a súa última novela, Lourenço, xograr, Premio de Novela Manuel García Barros 2015, acompañado por Antón Riveiro Coello, María Xesús Blanco, Adolfo Muíños e Víctor F. Freixanes. Organizan o evento a asociación cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo.

Lourenço, xograr contribúe á divulgación da historia e da literatura medieval galegas por medio dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que nos asomamos non so aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época.

O apaixonante e convulso mundo medieval en que se desenvolve a lírica galego-portuguesa, as intrigas palacianas, as batallas, os asaltos a castelos na guerra civil que sacode o reino de Portugal, convértense no pano de fondo para o devalar biográfico do protagonista, no que tamén ten cabida o amor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email