Editorial Galaxia presenta a nova entrega dun dos autores contemporáneos con máis éxito de crítica e de lectores: Un home na escuridade, traducida por Eva Almazán, que se distribúe en lingua galega á par das outras linguas europeas. Novidade para o próximo outono.
Paul Auster (New Jersey, 1947) enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea cunha trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil logo da secesión dalgúns estados por causa dos resultados electorais do ano 2000. Nun xogo fascinante despréganse dúas novelas; nunha delas, o protagonista é Owen Brick e o escenario duns fantasmais EUA, sen guerra de Irak nin Bush, sumidos nunha contenda civil. Auster sitúanos perante unha retorta e reveladora versión da política americana actual e dos seus dilemas éticos. A outra é a «novela familiar» do narrador, na que August Brill nos conta e se conta a súa propia vida, descobre e descóbrenos, detective insomne e desolado, dilemas, amores, segredos e traizóns.
Logo do éxito de Brooklyn Follies, Viaxes no scriptorium e A vida interior de Martin Frost, editados tamén por Galaxia, o autor americano volve en lingua galega. Con este novo lanzamento, continuamos a nosa liña de publicar en galego, ao mesmo tempo ou antes ca en castelán, as novidades máis importantes da actualidade literaria internacional. Xa está nas librerías.