Manuel Forcadela volve á poesía

Categoría: Nova

Manuel Forcadela desenvolve en Música de cinza dúas temáticas ben diferenciadas. Por una banda, a musical, que tanto ten que ver coa forma dos poemas, nos que predomina o alexandrino e o heptasílabo, con algún que outro hendecasílabo, como coa poesía de raíz dionisíaca, en que van xurdindo os ditados dun mundo telúrico, como se o poeta fose un mineiro que arrinca do interior da terra un apagado metal, a ritmo de tambores ancestrais. Por outra banda, o tempo, a caducidade, o devir imparable que nos dá sentido e que nos forma, esa cinza que nos fala de antigos fulgores, de lumes que xa arderon.

Este novo poemario de Forcadela arrequéntase tamén con outros temas e centros de interese coma o aforismo de intención filosófica, a reflexión sobre a fotografía, algunas homenaxes a poetas e amigos, a función do azar na construción da beleza, o poema como teoría literaria… Tamén a narratividade, porque o poema é concibido lonxe dos criterios que separan a prosa da poesía en base á existencia ou non dun mundo ficcional. Os poemas contan historias, nun xogo de indiferencia con respecto aos xéneros, prescindindo de certas falsas crenzas arredor da entidade do poético.

MANUEL FORCADELA, nado en Forcadela (Tomiño) en 1958, é catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio en excedencia e, na actualidade, exerce como profesor titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal e colaborador habitual de revistas e xornais. Como estudioso da literatura publicou, entre outros títulos, Manual e escolma da Nova Narrativa Galega (1993) e A poesía galega de posguerra (1997). Da súa obra como poeta, cómpre salientar Ferida acústica de río (1982, Premio Celso Emilio Ferreiro), O varredor en outono (1987, Premio Leliadoura), Morte do fadista (2000, Premio Espiral Maior) e Refutación da Musa (2001, Premio da Aula de Poesía de Barcelona). Mentres que, como narrador, escribiu títulos coma Paisaxe con muller e barco (1990, Premio de Novela García Barros) e a serie do detective privado Toni Barreiro, composta polas novelas Sangue sobre a neve (1990), Barato, barato (1991), Fóra de xogo (1993) e A procura do falso Grial (2006).

Comparte nas túas redes sociais ou por email