Na semana das Letras Galegas, os actos arredor da vida e da obra de Ramón Piñeiro multiplícanse por todo o país. Presentacións de libros, coloquios, mesas redondas, actividades dirixidas a escolares, lectura pública dos seus textos… aparecen como pórtico dunha xornada -a do vindeiro domingo- na que o filósofo de Láncara recibirá a homenaxe de toda unha terra.
Aquel neno labrego que naceu en 1915 estaba chamado a converterse nun dos piares culturales de Galicia, a pesar dos atrancos que lle puxo a vida, por exemplo, coarepresión sufrida durante tres anos na cadea por mor da súa actividade política e que lle impediu rematar a carreira de Filosofía, como era o seu desexo. Activista político desde o comezo, participaría na reconstrución do Partido Galeguista e sería un dos alicerces do nacemento da Editorial Galaxia, da que foi director literario ata o intre mesmo do seu pasamento.
Desde a Real Academia Galega, ou desde o Parlamento de Galicia impulsando a Lei de Normalización Lingüística ou desde o Consello da Cultura Galega, ou desde o seu gabinete en conversa constante con todo aquel que quixese escoitalo, o labor de Piñeiro a prol da lingua e da cultura galegas e do pensamento non podería pasar sen o recoñecemento que neste Día das Letras toda Galicia vai brindarlle.