A filla do filósofo naceu en Compostela

Categoría: Nova

Onte, dentro dos actos da Feira do Libro de Santiago, presentouse o libro de Elena Poniatowska, "A filla do filósofo", recentemente publicado por Galaxia. No acto, canda a autora, estiveron Víctor F. Freixanes, director xeral da editorial, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e os escritores e tradutores dalgúns dos contos, Xabier López López, Rosa Aneiros e Francisco Castro.

Abriu o acto Víctor F. Freixanes quen comezou explicando que "temos unha literatura porque temos unha lingua, e non existiría a literatura galega sen a lingua galega. Por iso, non é esaxerado afirmar que, grazas a esta tradución, Elena Poniatowska entra xa a formar parte da literatura de nós". Gabou, por outra banda, "a profunda sensibilidade dos contos" do libro, así como o orgullo que sentía como editor ao poder incorporar ao catálogo de Galaxia unha autora da relevancia da escritora mexicana.

Acto seguido tomou a palabra Cesáreo Sánchez Iglesias, quen lembrou as palabras da véspera, cando Manuel Rivas leu a laudatio previa á entrega do galardón a Poniatowska como Escritora Galega Universal, cando manifestou a súa gratitude porque ela se achegase desta maneira ás nosas letras. O presidente da AELG agradeceu a Editorial Galaxia e aos tradutores e tradutoras que se implicaron no traballo de verquido ao galego dos contos, o entusiasmo que demostraran durante todo o proceso.

Chegou despois o intre da lectura. Xabier López López, Rosa Aneiros e Francisco Castro, tres dos responsables da tradución de tres contos de "A filla do filósofo", leron algúns dos fragmentos por eles traducidos.

O acto rematou coa intervención de Elena Poniatowska quen non puido disimular a emoción que sentía por todas as homenaxes que estaba a recibir durante esta semana e, sobre todo, pola publicación deste "fermoso libro, fermosísimo, que recibo agora como un agasallo". Comentou que "estes contos, que escribín hai tantos anos, parécenme agora moito máis fermosos ao poder oílos en galego".
A xornada rematou coa escritora asinando exemplares do libro a todos cantos quixeron acompañala nunha xornada tan importante, para ela e para a literatura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email