O pasado sábado, durante a gala de entrega dos premios ás mellores obras publicadas durante o 2008 organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, tres libros da nosa editorial recibiron premio.
Por unha banda, na categoría de Ensaio, o escritor Miguel Anxo Murado sumaba un premio máis para a súa obra "Fin de século en Palestina". No apartado reservado para a tradución, "As flores do mal", na versión realizada por Gonzalo Navaza, facíase co premio. E finalmente, na categoría de mellor libro de narrativa, a escritora Inma López Silva era chamada a recoller o premio pola súa novela, tamén merecente do Blanco Amor do ano pasado, "Memoria de cidades sen luz".
Durante esta noite de recoñecementos, o escritor Marcos Valcárcel recibíu tamén o premio na nova categoría introducida este ano, Mellor Blog Literario, polo seu "As uvas na solaina". No apartado referido á mellor traxectoria xornalística, resultou elixida a poeta Ana Romaní
Pechou o acto a escritora mexicana Elena Poniatowska, recoñecida como Escritora Galega Universal e de quen Galaxia vén de editar "A filla do filósofo".
Daquela, e como xa comentamos tralos premios dos editores e da crítica, o 2008 revelouse como un ano certamente fecundo para o catálogo da Editorial Galaxia.