No pasamento de Salvador García-Bodaño

Categoría: Nova

Con gran pesar, recibimos a noticia do pasamento de Salvador García Bodaño, poeta, narrador, crítico de arte, tradutor, ensaísta e columnista de prensa.

Nado en Vigo, no barrio de Teis, en 1935 e pertencente á xeración das Festas Minervais e cofundador do grupo O Galo. Colaborou con diversas publicacións e é autor de varias traducións ao galego. Participou na fundación da revista galega Teima (1976), na editorial Escola Aberta, no Museo do Pobo Galego (1976), na Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980) e no Ateneo de Santiago de Compostela.

Os temas sobre os que xira a súa poesía son, como sinala Dolores Vilavedra, Galicia e a muller. Entre os seus libros destacan Ao pé de cada hora (1967, Galaxia), Tempo de Compostela (Premio da Crítica Española, 1978) e o libro de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (Premio da Crítica, 1993, Galaxia).

Ingresou como membro numerario da Real Academia Galega en 1992. Ó longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre eles o Premio da Cultura Galega 2012, no apartado de Letras, foi nomeado socio de honra da AELG. Letra E, en 2004 no seu barrio de Teis. En 2013 recibiu o premio Voz da liberdade, outorgado polo Pen Clube de Galicia, e en 2015 a Medalla de Ouro de Santiago e o título de Fillo Adoptivo.

A obra de García-Bodaño xira principalmente arredor da conciencia cívica e das vivencias eróticas. Sobrio de expresión pero latexante de emoción lírica, e da celebración expresión directa do sentimento patriótico. O libro Tempo de Compostela é unha espléndida visión lírica da cidade expresada en versos de gran poder evocador. O seu verso tende a ser libre, pero nalgunha das súas últimas entregas cultiva con extraordinario acerto unha forma tan cerrada como o soneto clásico. Poeta limpo e claro, García-Bodaño foi unha das grandes voces da súa xeración.

Comparte nas túas redes sociais ou por email