Xa está dispoñible na nosa páxina web o catálogo que reúne todas as obras que publicamos este ano arredor de Don Paco. Podedes revisalo premendo aquí.
Francisco Fernández de Riego dixera, nunha das súas derradeiras entrevistas, que xa cría que o fixera todo. E abofé que o fixo, mais a esa vida súa de entrega e loita en prol da nosa cultura poñémoslle o ramo neste 2023 coa celebración do Día das Letras, do que el foi un dos seus creadores. E Galaxia, como casa súa que foi, que é e que fundou, quere celebrar o Ano de don Paco coas máis diversas publicacións. Obras da súa autoría, incluídos dous inéditos, nos que mostra que nada da nosa cultura lle era alleo, e obras que estudan a súa vida e obra, a súa paixón pola arte e o seu compromiso coa causa do galeguismo. Esta ano 2023 saldamos unha débeda con don Paco, pero se hoxe albiscamos un futuro propio é porque el o matinou e o construíu palabra a palabra tras o vidro desas grosas lentes de pasta que deberían ser o espello onde todos nos mirásemos, orgullosos e agradecidos polo camiño andado, e polo que nos queda aínda por percorrer. Que o seu exemplo nos guíe.
En 2022 inauguramos a Biblioteca Fernández del Riego co volume Con Pondal en Bergantiños, no que o noso autor fai un percorrido pola vida e obra do “poeta solitario que canta o mar e a costa brava” de Bergantiños. En xaneiro nesta colección saiu do prelo o libro, Lourenzá, obra na que Fernández Del Riego homenaxea e rende tributo a súa benquerida terra natal. Asemade nese mesmo mes tamén publicamos unha achega biográfica, Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, da profesora Malores Villanueva quen tantas horas de confidencias compartiu con el.
Durante estes meses chegarán as publicacións máis relevantes da Biblioteca Fernández del Riego , serán dous inéditos do autor, Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC, textos nos que o noso don Paco conta en primeira persoa o seu devir como combatente durante aqueles días terribles da Guerra Civil. E tamén, Memoria do París literario, unha obra na que pasea coa súa exquisita pluma polos cafés parisienses e a literatura francesa, en edición da profesora Malores Villanueva.
A estes relevantes inéditos seguirán tres reedicións de tres libros fundamentais na súa produción. Camiño andado, autobiografía, pero tamén crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde asume a experiencia dos anos para percorrer, agora na memoria. O río do tempo, outro exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir, que de seguro ha resultar proveitosa para as novas xeracións. E finalmente, A xeración Galaxia, a narración da aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola supervivencia da identidade de Galaxia.
A Biblioteca completarase con Loitando pola Galicia que non foi, edición do historiador Justo Beramendi, e Fernández del Riego e a Arte, a cargo da historiadora da arte Beatriz Liz de Cea.
Tamén editaremos o Epistolario entre Ramón Piñeiro e Fernandez del Riego, nunha edición a cargo do profesor Enrique Monteagudo e Xoseé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol. E as Cartas ao meu amigo, escritas por Álvaro Cunqueiro ao don Paco, nunha edición do profesor Armando Requeixo.
E para rematar un álbum infantil para os máis pequenos titulado Don Paco, o home que valia por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro.