No pasamento de Alfonso Álvarez Cáccamo

Categoría: Nova

O escritor e profesor vigués Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo, 23 de outubro de 1952 – 4 de marzo de 2024) faleceu na tarde de onte aos 71 anos de idade na cidade olívica. 

Foi mestre e iniciou a súa obra literaria con textos destinados ao público infantil. Autor polifacético e sorprendente, procede dunha das familias máis literarias de Galicia. Neto, fillo, irmán e curmán de creadores, el mesmo foi un nome recoñecido da narrativa galega, como o demostra a súa cumprida bibliografía literaria e os premios que acadou. En 1988 obtén o Premio Café de Catro a Catro coa novela curta Peito de vimbio. En 1990 gañou o Premio Xerais con As baleas de Eduardo Reinoso, texto co que inicia unha liña de narrativa baseada no recurso do humor, liña que continúa na colección de relatos O eco de Ramallón (1992). Con Xente de mala morte (Galaxia, 1993), oito contos vencellados polo tema do suicidio e polo ton humorístico co que está tratado, resulta gañador do Premio Álvaro Cunqueiro; en 1996 acadou o Premio García Barros coa novela O espírito de Broustenac. En 2022, publicou na Editorial Galaxia O bosque de Levas, onde realiza unha actualización narrativa da historia volvendo empregar o recurso humorístico como forma de relativización e crítica da realidade; e en 2008, tamén en Galaxia, A revolución dos globos.

Colaborou en prensa en medios como Faro de Vigo e A Nosa Terra. Foi tamén o autor de dous libros de poesía, publicados por Espiral Maior, Na flor do vento (1999) e Sebes contra o vento (2009), e de varios relatos, así como de dous ensaios sobre a figura do seu pai. Tamén participou en numerosas obras colectivas como Abrir Vigo ó mar (1996), Escolma de familia (2000), Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (2003), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003), Xela Arias, quedas en nós (2004) ou Os aforismos do riso futurista (2016).

Comparte nas túas redes sociais ou por email