Neste Día da Lectura, deixámonos levar polo poder das historias que nos fan medrar

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día da Lectura, unha data para lembrar o poder dos libros: a súa capacidade para abrir mundos, inspirar preguntas e axudarnos a comprendernos mellor.

Queremos festexalo cunha recomendando un libro que vimos de recibir nos nosos almacéns: Unha historia de amor como outra calquera, de Rosa Aneiros, Premio Raíña Lupa de modalidade xuvenil 2024.

Nesta historia, Alma está en guerra co mundo. A súa nai era divertida e unha contadora de historias magnífica ata que a obsesión polo continente branco e polo quecemento global a papou enteiriña. Por iso, ela confróntase co mundo, que inclúe ao seu pai, a profe Patricia, a súa examiga Lía e o instituto enteiro.

Entre xistras, calcetíns desparellos e paisaxes de xeo, Rosa Aneiros lévanos a unha viaxe emocionante sobre a forza interior e a aprendizaxe que nos regalan os libros.

Neste Día da Lectura, le, sente, descobre. Porque cada historia que lemos é tamén un xeito de coñecernos mellor.

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Entre a súa extensa obra narrativa destacan: Resistencia (2003), Sol de inverno (2009), Ás de bolboreta (2009), Xelís, o guieiro das botellas de mar (2019), Tres bichicomas, dúas illas e unha serea (2020) e A noite das cebolas (2024). Recibiu importantes galardóns literarios, como o Premio Losada Diéguez de Creación Literaria, o Xerais de Novela, o Merlín de Literatura Infantil, o Follas Novas, o Arcebispo Xoán de San Clemente e o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email