Editorial Galaxia estará no Hematofesti 2025!

Categoría: Uncategorized, Nova

Dúas obras do noso catálogo formarán parte da programación da II edición do Hematofesti, o festival creado por Miguel A. López (O Hematocrítico), Ledicia Costas e Alberto Vázquez, que continúa o seu legado con novas propostas cheas de creatividade, humor e imaxinación.

  • Martes, 4 de novembro, ás 19:30 h. Libraría Klandestina (Vigo)

Celebrarase a presentación de Odio, de Gabriel Romero de Ávila, Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025.

No acto acompañará o autor Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Ambientada nun futuro distópico, Odio lévanos ás Terras de Poñente, onde os humanos e os droides parecen estar a piques dunha nova guerra. En Neo Vigo, cidade de neóns e rañaceos antigravitatorios, unha serie de crimes e un influencer que reaviva o conflito fan que a inspectora N4rv43z, da Fundación Omnia, se enfronte a un caso decisivo. Unha historia de ciencia ficción trepidante, cunha forte carga de crítica social e reflexión sobre a convivencia entre especies.

  • Mércores, 5 de novembro, ás 20 h. Libraría Cartabón (Vigo)

Será a quenda de Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras Loureiro, VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2024, con ilustracións de Carolina Nickelle Lois.

O autor estará tamén acompañado por Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; e Miguel García-Fernández (@lectureo).

Esta tenra historia introdúcenos na vida de Nuno, un neno que vive coa súa nai e enche centos de follas con debuxos azuis. A chegada do seu avó, un home grande e cheo de misterio, e dun obxecto “máxico” que trae na súa equipaxe transformará o seu pequeno universo. Un relato sobre o poder da imaxinación, a familia e a descuberta do mundo desde os ollos dun neno.

O Hematofesti 2025 promete repetir o éxito da súa primeira edición, que foi recoñecida polo Observatorio de la Cultura como unha das novidades culturais máis relevantes do ano. Desde Editorial Galaxia sumámonos a esta celebración da creatividade e do humor coa nosa aposta pola literatura dirixida a público infantil e xuvenil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email