O Centro Galicia reúne o que no seu día foron os Centros Lucense, Pontevedrés, Coruñés e Ourensán, co obxectivo de crear unha grande institución unitaria da emigración galega, alén do Centro Galego, máis centrado na asistencia médica, e da Federación de Sociedades Galegas.
Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e Xosé Antonio Neira Cruz, director das coleccións Árbore e Costa Oeste da nosa editorial, foron recibidos polas primeiras autoridades do Centro Galicia e asinaron no Libro de Ouro da institución, ademais de manter un encontro cos alumnos do Instituto Santiago Apóstol.
O Instituto Santiago Apóstol creouse no ano 1993 e é un centro docente que imparte en Buenos Aires o ensino (primario, secundario e bacharelato) segundo o plan de estudos de Galicia, polo que inclúe materias de lingua, historia e cultura galegas, con profesores especializados. Na actualidade o centro acolle 500 alumnos, a maioría (aínda que non exclusivamente) fillos e netos de galegos, e ten un claustro de arredor de 90 profesores, cunhas importantes instalacións no corazón da capital, aulas de informática, instalacións deportivas, etc.
Neira Cruz e Víctor F. Freixanes conversaron cos rapaces e rapazas, os cales amosaron un amplo coñecemento da cultura e un uso áxil do idioma, realizando numerosas preguntas sobre a realidade histórica e actual do país e sobre Ramón Piñeiro, a quen este ano vai dedicado o Día das Letras Galegas. A primeira promoción de alumnos do centro ten planeado unha viaxe de estudos a Galicia para o próximo mes de xullo.